ALEXANDRE


     CONTINÚA A AVENTURA

 

    Velaquí os primeiros deseños máis ou menos serios do que queremos facer na nosa finca miña nai e máis eu. O lugar é unha finca de dúas hectáreas e pico sita a uns 16-17 km de Lugo, aínda que semella estar moito máis lonxe da "civilización". E quizais si o esteña. Atópase na parroquia de Santiago de Duarría, concello de Castro de Rei. Inclúe unha antiga casa de pedra (non tanto como a de Paul e Emmy) de máis de un século, unha palleira onde se gardaba en tempos o carro, outro que servía de almacén de ferramentas, leñeira e forno de pedra, un pozo, unha chea de froitais diversos e moita vida...

 

 

 

 

    Este é un calco do plano do SixPac sobre o que fixen un mapa de zonas e sectores, ademais de identificar algúns dos elementos que se desenvolverán en posteriores planos (coas correspondentes explicacións).

A continuación, un esbozo do que pretendemos que sexa o galiñeiro.

 

 

 

    O debuxo da esquerda é a planta. Casualmente, cada un dos tres rectángulos que a forman responde á proporción áurea. A carón pódese ver o alzado, no que se distingue claramente unha zona duns 40 cm que vai enterrada, o cal responde a unha doble finalidade: evitar que as pitas fuxan e que a xineta ou outro predador entre escarvando. Dispón de dúas zonas de céspede para ir alternando e facilitar así a rexeneración.

 

    Na imaxe inferior, pódese ver (abaixo) o garaxe que se vai adosar á casa, que será construido coa mesma pedra e, anexo a el, un lavadoiro que recollerá a auga da chuvia captada polo tellado. Será unha zona fresca, sempre á sombra do castiñeiro ou da propia casa. Ademais, o garaxe será espacioso, polo que tamén se poderá usar como pequeno almacén.

    Na parte superior do debuxo atópase o rudimentario deseño da nosa futura aula taller, que era antigamente o alpendre onde se gardaba o carro. Ademais dos elementos indicados, faráselle un altillo onde se colocarán colchóns sobre palés, xa que será onde se aloxe a xente que veña a facer algún curso.

 

 

 

 

    O seguinte deseño é, quizais, o máis complexo ata o de agora. Trátase do sistema de depuración de augas residuais. Detrás da casa hai unha zona onde, no seu momento, se botaron os escombros da obra, polo que quedou elevada con respecto ó terreo do arredor. Agora, anos despois, xa foi colonizado por diversas especies vexetais e forma parte indiferenciada da finca. Por debaixo desta zona é por onde imos canaliza-las augas residuais cara a unha serie de filtros que se suceden en tamaño (de maior a menor) ata o filtro adsorbente de carbón activo e un de terra biolóxicamente activa que ten por finalidade facer que a auga non quede desposuída dos microorganismos que de forma natural habitan nela. Unha vez pasada esta fase, a auga filtrada vértese a unha balsa repleta de plantas macrofitas, que se alimentarán dos residuos que non fosen filtrados. Dita balsa ubicarase xusto enriba dun pequeno acuífero colgado, oportunamente localizado nesa parte da finca.

    A carón desta zona, situarase a piscina (duns 200 metros cadrados), que será máis ben unha pequena lagoa na que poder nadar un pouco, e que contará co seu propio sistema de autodepuración e unha ampla zona de esparcimento.

    O que se ve ó Oeste formará parte dun proxecto máis ambicioso que esperamos levar a cabo, pero que non corresponde a esta fase do deseño (aínda que o temos en conta ó deseñar).

 

 

 

 

 

    Na actualidade, estou a desenrolar máis amplamente o proxecto circunscrito a esta finca, aproveitando que un dos módulos do Ciclo Superior de Saúde Ambiental que curso é "Proxecto Integrado", así que colgarei nas próximas semanas ou meses novos avances, máis detallados, do mesmo.